Usamos galletiñas (cookies)—axúdannos a proporcionarche unha mellor experiencia online.
Ó usares o noso sitio web, aceptas que poidamos gardar galletiñas—cookies—e acceder a elas no teu ordenador.

O encontro: Lanzamentos de balón parado e eventos especiais

Neste apartado, trataremos de profundar un pouco máis en dous detalles importantes dun partido: como se marcan os lanzamentos de balón parado, que é iso dos "eventos especiais" e outros eventos que poderían ocorrer no partido.

Lanzamentos de balón parado

Algunhas das túas oportunidades normais rematarán nun lanzamento de balón parado. O mesmo que na vida real, podes sacar un bo proveito de ser bo neste tipo de lances do xogo. Hai dous tipos de lanzamentos de balón parado: directos e indirectos.

Lanzamentos directos

Os lanzamentos directos de balón parado son os penaltis e os lanzamentos de falta directos. Para marcar as túas ocasións, o teu lanzador emprega a súa habilidade de balón parado para tentar burlar ao porteiro contrario. O teu porteiro, a maiores da portería, utiliza a súa habilidade de balón parado para defender os lanzamentos directos de balón parado, pero non pode ser o teu lanzador de faltas e penas máximas.

Saques de falta indirectos

Arredor de unha de cada tres das túas oportunidades a balón parado serán saques indirectos de falta. O éxito nestas ocasións depende do esforzo de todo o equipo. Para o ataque empréganse, en orden de importancia: a habilidade de balón parado e de anotación de tódolos xogadores de campo e a habilidade de balón parado do teu lanzador de faltas. Para defender utilízanse (en orde de importancia): a media de defensa dos xogadores de campo, as súas medias en balón parado, o nivel de portería do gardameta e, por último, o seu nivel de balón parado.

Eventos especiais

Ademais das ocasións normais, tamén pode ser que ocorran "eventos especiais". Estes eventos poden darse en cada encontro e dependen das características dos xogadores, en particular, das súas especialidades. Isto fai que compoñer un equipo que teña un bo balance nas especialidades sexa unha parte máis da estratexia do xogo.

Hai dous tipos de eventos especiais: eventos de equipo e eventos individuais. A probabilidade de acadar un evento especial de equipo dependerá da posesión de balón (se tes una posesión do 55%, tes un 55% de probabilidades de conseguir un evento especial de equipo).

O evento especial individual ríxese polas especialidades que teñan os xogadores que están no campo. Ter moitos xogadores con especialidades pode darte vantaxe, pero non é suficiente. Debes asegurarte tamén de que teñan o nivel suficiente en certas habilidades para que ocorran. É moi importante atopar o equilibrio entre as especialidades dos teus xogadores.

Cada vez que un evento especial teña lugar nun encontro, as probabilidades de que ocorra outro son máis baixas.

Condicións meteorolóxicas

Algunhas especialidades son máis adecuadas para certas condicións climáticas. O rendemento de tódolos xogadores que teñan unha especialidade susceptible de ser afectada polas condicións meteoróloxicas do momento sufrirá unha penalización dende o comezo do encontro.

Técnico: Os xogadores gañan un 5% de rendemento en todas as súas habilidades nos días de sol, pero perden esa mesma porcentaxe coa choiva.

Potente: Os xogadores rinden un 5% máis nos días de choiva e perden esa mesma porcentaxe co sol.

Rápido: Os xogadores perden un 5% da súa contribución tanto nos días soleados como nos de choiva.

Cando as condicións meteorolóxicas afecten a algún xogador, verás o reporte asociado no encontro e tamén a variación no rendemento nas estreliñas e nas cualificacións do encontro.

Eventos especiais de gol

As especialidades (e outras características dos xogadores) poden facerche gañar oportunidades de gol adicionais. Ademais do que se enumera a continuación, o xogador que ten a ocasión (normalmente, pero non sempre, o mesmo xogador que a crea) tamén necesita de algo da habilidade de anotación para marcar nese tipo de ataques.

Imprevisible: Este tipo de xogadores empregan a súa habilidade de pases para crear pases longos inesperados—no caso dos porteiros, defensas laterais e defensas centrais—, e a súa habilidade de anotación para interceptar o balón—no caso dos mediocentros, extremos e dianteiros. Se son xogadores de campo, a súa imprevisibilidade pode tamén crear ocasións da nada.

Por outra banda, canto máis baixo o nivel de defensa dos teus defensas e mediocentros, máis posibilidades haberá de que fagan o parvo e provoquen unha ocasión de gol en contra.

Por último, extremos e dianteiros con pouco nivel de pases poderán crear o caos na túa defensa, resultando nun gol en propia porta.

Rápido: Os mediocentros, extremos ou dianteiros rápidos poderán crear unha oportunidade tirando proveito da súa velocidade. Isto podería ser contrarrestado polo equipo contrario se un defensa (central ou lateral) que tamén sexa rápido estea atento para paralo. Os mediocentros, extremos e dianteiros rápidos daranche tamén un pulo no teu nivel de contraataque. Ó mesmo tempo, este pulo poderá ser reducido ou neutralizado se o teu opoñente tamén ten mediocentros, defensas e/ou porteiro rápidos (só o nivel extra, nunca reducirá o nivel inicial da táctica).

Técnico: Os mediocentros, extremos e dianteiros técnicos poderán crear ocasións de gol se teñen enfronte un porteiro, defensa ou mediocampista con especialidade en xogo aéreo—non ten por qué ser na posición oposta exacta. Por outra banda, cada defensa ou lateral técnico darache unha pequena posibilidade de crear un contraataque non táctico a partires dunha oportunidade fallada polo teu opoñente. Canto máis pases teña o defensor, maior será a probabilidade de que esto aconteza.

Extremo: Un extremo co suficiente nivel de habilidade en extremo pode crear oportunidades de gol que deberán ser rematadas por outro extremo, un centrocampista ou por un dianteiro. Se o outro xogador ten a suficiente habilidade de anotación, haberá máis posibilidades de que a xogada remate en gol, e se é especialista en xogo aéreo o terá aínda máis fácil para anotar.

Córner: Para marcar nun lanzamento de córner, terás máis posibilidades canto máis alta sexa a habilidade de balón parado do teu lanzador, e canto máis alta sexan as túas cualificacións ofensivas de faltas indirectas. Hai dous tipos de córner, nun deles, canto maior número de xogadores de campo coa especialidade de xogo aéreo teñas—sen contar ó teu lanzador—, e menor número de xogadores con esa especialidade teña o opoñente, máis probabilidades terás de marcar. Non ter ningún especialista en xogo aéreo fará o teu equipo moi feble defendendo os córner e tentando marcar as túas propias oportunidades nos córner que teñas.No outro tipo, a probabilidade de marcar dependerá na habilidade de anotación que teña o receptor do córner. Ten en conta que os corners terán un risco extra de provocar un cartón amarelo para o equipo atacante, pero se o xogador xa ten un cartón irá cun chisco máis de coidado, polo que o risco de segunda amarela será máis baixo.

Experiencia: Os dianteiros poden marcar un gol empregando a súa experiencia. Pola contra, os defensores pouco experimentados pódenlle dar oportunidades extra ao teu opoñente.

Cansazo: Os defensores e mediocampistas centrais que estean fatigados poden cometer erros. A non ser que o atacante estea tamén cansado de máis, pódese crear unha ocasión de gol para o teu opoñente.

Outros eventos nos partidos

Hai tamén algúns eventos que poderían ocorrer durante o partido. A probabilidade de que ocorra un destes eventos non depende das cualificacións de medio campo, polo que as túas opcións de que ocorran non aumentan inda que domines o medio do campo.

Contraataques: Aínda que non empregues a táctica de Contraataques, tes algunha oportunidade de ter algún contragolpe durante un partido. Estes contragolpes independentes da táctica non requiren que o teu equipo perdese o medio do campo, como pasa cos contragolpes normais. Le o capítulo O encontro: Tácticas para ter máis información sobre os contraataques.

Tiros de lonxe: Aínda que non empregues a táctica de Tiros de lonxe, tes a oportunidade de que durante un partido che apareza algún. Le o capítulo O encontro: Tácticas para ter máis información sobre os Tiros de lonxe.

Os Mediocentros potentes, xogando coa orde en defensivo—tamén chamados pivotes defensivos ou MauroSilvas—poderán parar ataques do opoñente roubándolles a bóla. Se realizan esta presión con éxito, neutralizarán o ataque do opoñente. Para iso, dependerán en grande medida do seu nivel de defensa e de resistencia.

Os Dianteiros potentes, xogando coa orden normal—tamén chamados dianteiros tanque ou arietes—poderán corpear para gañar espazo no área e gañar o rexeite, creando así unha segunda oportunidade despois dunha ocasión normal fallada polo teu equipo. Para iso precisarán ter dabondo de xogadas e de anotación. Ten en conta que o seu despregue físico poderá provocar cartóns amarelos, pero se o xogador xa ten un cartón, tentará non meterse en leas e ir con máis coidado nesas situacións.

Terás unha penalización por ateigamento se pós no campo dous ou tres xogadores na mesma posición e cunha destas tes combinacións de especialidades e ordes: dianteiros defensivos técnicos, dianteiros normais potentes e mediocentros defensivos potentes. Se pós dous xogadores do mesmo tipo, a penalización será de 4% cada un, e se pós 3, dun 7,5% cada un.

 
Server 071